
Entrevistas 2022
Asoc. Cult. "Segredos de Pantón"
A Grixoá.
Hoxe imos ir ata a aldea da Grixoá na parroquia veciña de Santo Estevo de Chouzán, no concello de Carballedo.
Para comezar comentarvos que o topónimo desta aldea significa igrexa pequena, derivado do termo do latín "ecclesiola".
Veredes neste interesante artigo a enorme relación que garda este lugar con Pantón e as curiosidades que vanvos facer quere visitar este enclave cunhas vistas privilexiadas sobre o río Miño.
Non o perdades!

Fotografía da aldea en todo o seu conxunto.
Torre da Grixoá.
Nesta aldea como un dos elementos máis destacados temos a famosa torre da Grixoá. Hoxe en día consérvase un edificio con 3 andares, cunha fábrica de lousas e onde o granito conforma as fiestras e as portas. Mais o conxunto estaría formado por máis dunha torre.
A súa ubicación nunha elevación natural pode facernos pensar dunha edificación defensiva, isto confírmase observando nos andares superiores unhas estructuras típicas das edificacións defensivas, coma son as troneiras.
Así a parte que quedou en pé está datada entre o século XVI e XVII pero as súas orixes viría da Idade Media.




Unhas imaxes dende diferentes puntos de vista desta fermosa construción.
A ermida de San Martiño ou San Martiño do Castelo.
Na ladeira do monte do castro, próximo a Marce, existiu en tempos unha ermida, que tiña por nome San Martiño do Castelo. Sábese que no ano 1736 o bispo de Lugo mandou derruíla polo estado de abandono que presentaba o templo.
Se imos ata a aldea da Grixoá, podemos apreciar a antiga capela da Grixoá que segundo a xente máis maior é a ermida de San Martiño. Aínda que hoxe en día teña un estado ruinoso foi no seu momento un fermoso templo con tellado a dúas augas, con chan de lousas e mesmo por fóra presentaba decoracións en cal. Nas paredes presentaba diferentes pinturas murais, sinxelas pero fermosas, unha pía bautismal ao carón da entrada e un altar dunha peza de granito. Contaba con dúas fiestras pequenas. Todo o conxunto orientado ao norte.
De entre as tallas destacaba a figura de San Martiño, datada do sécilo XVII e dúas estatuas da Inmaculda e de Santa Cecilia as dúas do século XVIII.
Mesmo conta unha historia que explica que a figura do patrón pasara de estar nunha ermida pantonesa a estar na capela da aldea da Grixoá:
"A imaxe do San Martiño foi levada á igrexa de Chouzán polos veciños da Grixoá, que viñeran de noite e roubáranna. Pero ao día seguinte o santo volvía estar na capela de Marce. Por segunda vez volveron polo santo e, ao atravesalo río, a barca comezou a afundir. Entón os veciños ofrecéronlle ao santo ter unha misa tódolos anos, e o santo xa non regresou máis para Marce."





Imaxes exteriores da ermida da Grixoá.






Unhas imaxes interiores do templo, onde podemos ver as pinturas murais, o altar e a pía bautismal.
As meigas da Grixoá.
En diferentes aldeas do concello de Pantón, coma poden ser A Míllara e Marce téñense recolllidos historias de xente que vía unhas estranas luces que viñan desta aldea ribeirá.
Mesmo destaca coma nun Entroido un rapaz de Marce ao ver este baile de luces fixo un xesto de burla e soltou ao aire uns insultos a esas meigas que estaban na Grixoá. Pois nun abrir e pechar de ollos unhas desas bruxas que alí estaba apareceulle ao rapaz e preguntoulle se tiña algún problema cas meigas ante este feito o rapaz quedou branco do medo e non soupo que contestar.