
Entrevistas 2022
Asoc. Cult. "Segredos de Pantón"
IBI PSOE
Hoxe falaremos do IBI este imposto que está a dar moitos problemas en toda Galicia, debido ós diferentes erros que houbo no rexistro do catastro que provocou que lonas agrícolas azuis contaran coma piscinas á hora do IBI ou casetas de cans coma edificacións.
Para falarmos deste tema conversamos con Pedro Rodríguez Palacio de PSdeG-PSOE de Pantón. Agradecemos moitísimo a súa colaboración nesta entrevista.
Segredos de Pantón: Dende a agrupación municipal do PSOE, cales foron as súas proposicións para combatir esta problemática?
PSOE-Pantón: En primeiro lugar quería darvos a noraboa polo traballo que estades a desenvolver a través da vosa páxina do Facebook, e as gracias por permitirnos explicar a través dese canle a nosa postura neste tema. Dende o Partido Socialista tivemos tres liñas de actuación respecto o IBI:
Instamos antes ó alcalde, antes de que o problema aparecera, a que rebaixara o tipo do IBI tendo en conta o incremento de valor ocasionado pola revalorización (solicitada por él no 2013) que foi do 11% no 2014, 2015 e 2016 (37% acumulado), e pola regularización avisada polo Catastro. Cando chegaron os primeiras cartas de aviso de regularización, reclamamos a creación dun servizo municipal gratuíto de asesoría e xestión que permitira comprobar ós veciños se a regularización estaba ben feita, e tramitar recursos. E unha vez que chegaron os recibos, solicitamos a creación urxente dese servizo de asesoría e a creación de liñas de axuda para aqueles veciños que non eran capaces de asumir o pago dos recibos acumulados de 4 anos.
Por último, defendimos que, tras o esforzo económico realizado polos veciños ante a falta de sensibilidade do Alcalde, canto menos, con toda esa cantidade de cartos, se realizaran obras ou servizos de urxente necesidade, como saneamentos ou traídas. Non. Gastarase no 2019, ano de eleccións...
O Alcalde negouse a todo. Non tivo sensibilidade nin cintura política. Nunca compartimos o desinterese do Alcalde en tentar atenuar o problema que se viña enriba dos veciños. Se cadra pensaba que con votarlle a culpa á Madrid - Catastro, ou á Deputación, que o único que fai é tramitar os recibos que lle di o Concello, sería unha boa estratexia. Os tempos demostraron que non.

Imaxe de Pedro Rodríguez, o noso entrevistado.
SdP: Coma todos sabemos este problema acusou a toda Galicia, pero vimos ben con diferentes protestas e mesmo ca nulidade declarada polo concello, que Pantón foi onde máis se amosou realmente o seu rechazo. Como puido darse este feito no noso municipio?
PSP: No noso concello coincidiron dous elementos que fixeron incrementar a resposta da xente. En primeiro lugar, un goberno municipal centrado en aumentar a recadación para poder manter a súa estrutura de poder, sen importarlle a repercusión do problema na poboación, e crendo que lles ía saír gratis a nivel político.
E por outra parte, o intento de manipulación por parte do outro partido da oposición, cando desinformaba ós veciños explicando que os recibos regularizando catro anos eran ilegais, que non había que pagalos, e defendendo que dende o Pleno podíamos facer algo. ¿Con qué interese culpabilizaron tamén á Deputación gobernada por socialistas, cando sabían que o único que fai é emitir os recibos que lle indica o Concello?
Este intento de manipulación foi enormemente irresponsable, e permitíulle ó único culpable de todo, ó goberno municipal do PP, quedar como vítima.
SdP: Trala declaración de nulidade por parte do concello, este feito ten alguna validez legal a efectos de
non cobralo IBI?
PSP: Non. Todos os partidos sabíamos que non tiña ningún percorrido. Foi exactamente igual que votar en contra da fame, unha mera declaración. ¿Por qué transmitiron a idea de que con esa moción se podía solucionar o problema? Non o entendo. Non todo vale en política.

Imaxe do pleno cando pretendía aprobarse o Catastrazo.
SdP: Este problema de querer cobrar o IBI a edificacións que non o son, que non existen entre outros exemplos, débese a un problema de catastro, xa que de aí veñen os datos para cobralo IBI. Dende a agrupación local socialista, saben a que se deben tales números de erros e tan desmesurados?
PSP: O Catastro decidiu contratar con empresas privadas o proceso de revisión e regularización catastral, pagando un fixo por expediente aberto. E esas empresa fixeron o traballo a través de imaxes do google maps, xa que o que cobraban non permitía gañar diñeiro con desprazamentos ou medicións in situ . Cantas máis construcións ou usos regularizaban, mellor para empresa, pois facturaba máis. E o Catastro, e o Alcalde, contentos, pois aumentaban a recadación… ¿Por qué non fixo nada cando dende o partido socialista lle avisamos do que ía pasar?¿Por qué non fixo nada cando ó concello empezaron a chegar as queixas de que había moitos problemas? A resposta é sinxela.
SdP: Sabemos que en Pantón o caso máis acusado foi o da Casa Maside que se viu obrigada a pechar debido o cuantioso importe que tiña que pagar por construccións deshabitadas e por edificacións que xa non existían. Ademáis deste caso tan flagrante, existen outros casos no noso concello?
PSP: Non teño claro se o peche de Maside foi motivado exclusivamente polo IBI, pero é evidente que a barbaridade que tiñan que pagar non axudou a manter o local aberto.
Hai casos nos que o recibo do IBI é superior ó valor real do inmoble. Outros nos que a “conversión” en vivenda dalgún galpón impide acceder a axudas por estudios, por ter “moito” patrimonio. Houbo veciños que tiveron que pedir préstamos para pagar o IBI. Outros nos que a imputación de rendas derivadas de segundas “vivendas”, en realidade adegas ou cortes, fanlle pagar máis de IRPF, ou perder axudas por ter segundas “vivendas”...
Pero o caso que me parece máis sangrante é o que explicaba o Sr. Alcalde de Pantón no pleno do 27 de abril do 2017: “ Eu pagaba 7 euros de IBI. Había que subilo ”