top of page

Lendas de Pantón.

Neste novo apartado da nosa páxina web queremos facervos chegar todas, ou case todas, as lendas que temos no noso concello. Desta maneira estarán clasificadas en diferentes categorías, que podedes ver a continuación.

Xa sabedes, se coñecedes algunha lenda que non estexa na seguinte lista, non tardedes en facérnola chegar.
 

Santos, capelas e igrexas.

Nosa Señora da Presentación de Budián (San Romao de Acedre)
Existe unha lenda sobre a Virxe da Porta de Budián. A Virxe ao parecer fuxía pra onde nacera no monte e tiñan que ir buscala alí. Para evitalo cambiaron a orientación da porta da capela e non volveu escapar para o monte.

Igrexa de Santo André de Següín

Conta unha lenda que a orixe da igrexa de Santo André de Següín tería que ver cun señor que quixo desligarse da parroquia de San Fiz de Cangas, polos agravios que sufrira a súa muller ao ir á misa naquela freguesía.

San Xoán de Toldaos
Segundo di a lenda, na parroquia de Toldaos San Xoán era o santo máis novo de todos. Posto que era moi áxil e de pernas ongas, deu toda unha volta ao lugar. En cada paso que daba colocou unha pedra pra marcar Toldaos e que os santos veciños non lle roubaran a terra.

 

SAM_7582.JPG

Imaxe do templo de San Andrés de Següín.

Capela de San Martiño (Santiago de Vilar de Ortelle)

A imaxe de San Martiño de Marce foi levada á igrexa de Chouzán. Os veciños da Grixoá, viñeran de noite e roubaran a imaxe do santo. Pero ao día seguinte o santo volvía estar na capela de Marce. Por segunda vez volveron polo santo e, ao atravesalo río, a lancha empezou a afundir. Entón os veciños ofrecéronlle ao santo ter unha misa tódolos anos e o santo xa non regresou máis para Marce.

Mosteiro de San Miguel de Eiré (San Xulián de Eiré)

Deste cenobio conta a lenda que sería abandonado polas monxas que o habitaban por mor dunha invasión de formigas.

Da mesma maneira, outra lenda deste templo reflexa que despois de deixalo seu fogar, se refuxiaron na próxima aldea de Pedragude. Aló existe o penedo co nome de "Pena da Abadesa", onde supostamente irían as relixiosas a chorar por ter que deixar a que fora a súa casa durante tanto tempo.

SAM_3814.JPG

Imaxe do templo de San Miguel de Eiré.

Capela de Guende (San Fiz de Cangas)

Nesta pequena aldea conta a xente que era moi famosa para quitalos meigallos e males de ollo que botaban as meigas á xente.

Capela de San Bartolomeu (San Vcenzo de Pombeiro)
Na aldea da Torre de Vilamirón, na capela o día da festa, 24 de agosto , antigamente bendecían unha peza de pan que seica tiña poderes sobrenaturais. Podendo paralo lume e aloxando ao lóstrego da aldea.

Capela de San Xoán Degolado (San Vicenzo de Pombeiro)

Nos restos da capela que observamos hoxe en día, nas tumbas antropomorfas. As veciñas contaban que neses sartegos deitáranse os curas de Pombeiro tralo festín de remate da coresma.

SAM_8215.JPG

Imaxe das tumbas antropomorfas de San Xoán Degolado.

Mouros, mámoas e castros.

Mámoas da Morá
Na aldea de Nadal falan varias lendas sobre diferentes mámoas desta gran agrupación de medorras.
Unha delas conta que sobre unha anta podíase ver a unha moura peitear o cabelo.

Outra conta que sobre unha mámoa había unha pena moi grande que rachou e unha metade levárona para facer unha casa en Galegos e o outro anaco saiu voando e parou no río Miño.

Castro de Espasantes ou Castelo das Saíñas
No castro de Espasantes unha lenda conta que este castro tiña unha cova que se prolongaba varios quilómetros terra adentro. Os mouros raptaron unha princesa que vivía en Ribadavia. O seu pai buscouna con moito afán e, atopado o seu escondite baixo terra, mandou queimar o monte ó redor do castro. Tras varios días ardendo, ó final non se atopou rastro algún da princesa nin dos "mouros".

Así en 1935 Leandro Carré Alvarellos recolleu no Castro de Ferreira esta outra lenda deste castro.

 

No castro, disque hai unha cova que por un escuro camiño soterraño, furado á través do monte, vai saír moi lonxe d'alí. Os mouros moraban naquela cova, e nela gardaban os seus tesouros e facían seus encantamentos.

Certa vez, parés que algún daqueles mouros, namorado dunha princesa filla dun rei da Galiza que moraba no vello castelo de Ribadavia, encantouna e levouna pra cabo de sí á cova do monte.

Cando o rei soubo da desaparizón da sua filla, saíu en procura dela cos mellores cabaleiros da sua casa, e percorreron todol-os camiños, e todal-as vilas e aldeias das suas terras. Mais, ningunha cousa puido sabere pois ninguén tiña visto a principesa en parte ningunha.

Mandóu axuntar daquela nos arredores do seu castelo a xente toda de cinco leguas en roda, e pregoulles que se alguén sabía ou vira algunha cousa que poidera facer asmare o que á sua filla ll'acontecer, que o dixera pra poderen procurala.

E foi entón que uns mozos dixeron en como unha noite de luar viran ir cara o monte de Espasante coma catro ou seis homes d'acabalo; que aqueles homes eran moi altismos e os cabalos tamén moi grandes, e que salvaran dun pulo o río Cabe coma se tiveran áas nos pés.

E como dicíase que naquel monte moraban mouros acovillados, imaxinaron se poderían ser aqueles quen levaran a princesa.

Daquela o rei fixo axuntar un grande exército e foron batir e mais esculcar o monte; mas, cando xa iban subindo ao cume, encomezóu de arder todo d'arredor e a estralar en faíscas, e despois o monte todo estivo á arder dous días enteiros, e en cabo, cando o lume morréu, esculcaron o monte todo; mais nada viron nen de cova, nen de mouros, nen cousa ningunha, senon só unhas pedras, aló no curuto, que eran coma pequenos balados circulares; e había moitos, que somellaban curripas das que fan nos soutos para axuntar as castañas e secalas.

 

Nesta lenda parécenos ver unha vella lembranza, modificada pola tradición oral, dunha de tantas citanias incendiadas polas lexións romanas pra vencer a resistencia dos galegos á sua invasión.


Castro de Amboade (Santiago de Vilar de Ortelle)
No castro de Amboade existía a lenda que dicía que por debaixo do castro nunha adega vivía unha serpe, que se metía no corpo do señor que tiña a adega e cando tocaba a súa cara convertíase nunha dona.

Moura de Acedre

Nun monte de Acedre, conta unha lenda que houbo unha nena que se perdera por aquel monte. Segundo din, esa rapaza nunca máis aparecera, fora devorada por unha moura.

128981028_4753226748081675_7496478843290237025_n.jpg

As pedras das mouras (San Xoán de Toldaos)
Conta a lenda que, ao caer a noite, as mouras que vivían no subsolo saían da Coladeira das Mouras (suposta cova ou gruta) e sentaban nas pedras a peitear os seus cabelos. Ó rematar gardaban os seus pentes de ouro nos buracos das pedras e, co primeiro raio de sol, os pentes desaparecían pra ollada humana.

San Xoán
Contan que nesta noite máxica, as mouras saen a peitear os seus cabelos dourados ás penas, fontes ou covas. E deberemos de ter coidado, xa que poderían darnos unha alegría ou unha desgraza.

O Castro da Eirexe (Santiago de Vilar de Ortelle)

Na aldea da Eirexe, en Vilar de Ortelle, a casa máis rica do lugar era a Casa do Caloulán, así unha lenda do castro próximo explica tales riquezas:
Unha nena desta casa ía coas vacas para os arredores do castro. Un día apareceu por aló unha moza moi guapa e cariñosa. Comezaron a conversar entre elas e de seguida colleron trato. Despois de varios días, a rapaza aquela pediulle á cativa que a peiteara e ela así o fixo. En compensación deulle uns carbóns dicíndolle que ao chegar á casa ían converterse en moedas de ouro. Pero púxolle a condición que cando fose para a casa non mirara cara atrás. A nena así fixo durante moitos días. Pero, un día, despois de peiteala coma sempre, a nena, ao volver para a casa non deu vencido a curiosidade e mirou cara atrás a ver que pasaba; e nese mesmo intre a moza do castro converteuse nunha cobra e meteuse no castro e os carbóns desta volta non se volveron de ouro.

66495803_1189948557832327_3628971649694433280_n.jpg

Imaxe do cartaz de Nadal, onde conta moitas lendas sobre as mámoas da Morá.

Unhas das famosas pedras que conforman as "Pedras das Mouras", en San Xoán de Toldaos.

Penaveada (San Vicenzo de Pombeiro)

Entre Pombeiro e Penaveada hai un camiño de carros. Á altura de Penaveada, a carón do devandito camiño, había un cova dos mouros e contaban que unha cadea de ouro unía esta cova co río Sil e ao pasar cos carros escoitábase a cadea sonar.

Castro Baridiano (Santa María de Ferreira de Pantón)

No castro de Ferreira, hai unha lenda que conta que os mouros, antigos poboadores dos castros, ó marchar deste castro deixaron tras de si un tesouro agochado.

Castro de Vilamirón (San Vicenzo de Pombeiro)

Un veciño de Bazal que foi pescar ao Miño, entre esta aldea e Vilamirón, observou unha rapaza fermosísima sentada e peiteándose sobre un dos penedos que hai ao carón do río Miño. Comezaron a falar e contoulle a moza que facía parte dun feitizo que tiña o castro de Vilamirón e se o rompía podía facer ao pescador rico e casaría con el e sería moi felices, ámbolos dous.

Así o home aceptou e dixo que faría todo o necesario, a moura relatoulle que precisaría que fora a unha abelaira e conseguira un prato cheo de abelás e as partira unha a unha, botara as cascas ao río e o fixera malia todo o que pasara. Despois de ir por elas, voltou ao lugar onde estivera ca moza, pero xa non estaba. Logo comezou a picalas abelás, ao picala última abelá sentiu un gran ruido subterráneo e observou coma os penedos se desprendían no pai Miño. Á vez sentiu como o peñasco onde estaba sentado tamén se desprendía. Confuso e temeroso, de súpeto do mesmo penedo viu emerxer unha gran ave que o salvou da desgraza, colocándoo nun lugar seguro, á par que a ave mudou nunha fermosa rapaza e lle entregou ao pescador tódalas riquezas do castro de Vilamirón.

 

Castro de Guítara (San Xulián de Eiré)

No Castro de Guítara, unha lenda conta que estaba comunicado co castro da Santa Mariña, por unha cadea de ouro, nada menos. E que nalgúns puntos era tan fina que os carros pasaban rozándoa.

Outra lenda conta que un grupo de veciños, guiados por un libro dun veciño de Eiré, realizaron excavacións e mentras uns facían o traballo, outros lían o libro e oraban para espantar os demos.

 

SAM_7504.JPG

Rocha na entrada da aldea de Penaveada que deu nome ao lugar pola forma do elemento xeolóxico

Adegas das Mouras (Santiago de Vilar de Ortelle)
Na aldea de Valboa, hai unha zona cunhas antigas adegas que contan os veciños os donos eran mouros.

A lousa da ribeira. (Santo Estevo de Atán, Santiago de Vilar de Ortelle e San Andrés de Ribeiras de Miño)

Nas parroquias ribeirás do Miño de Pantón contan que toda a lousa foi extraída por obra dos mouros.

SAM_4402.JPG

Imaxe da lousa na ribeira do Miño.

A fonte da Lagariza (Santiago de Vilar de Ortelle).

Aló hai unha fonte encantada situada na aba dun monte coroado por un castro e coñecida como Fonte da Mina. Esta fonte agacha, debaixo da pía da auga, un tesouro importante gardado por unha cadea de ouro rodeada de lume. Quen queira facerse co tesouro ten que desencantalo desta maneira: debe cubrirse cunha saba branca enchoupada en alcohol e logo tirarse ao medio do lume para que se apague. Sábese que houbo xente que o intentou pero que no momento final recuou; e mellor foi así pois se fallase, se o fixese mal, toda aquela montaña se derrubaría e chegaría rodando ata o río Miño.



Os Mouros do Piago Negro. (San Xoán de Frontón).

Peago viría dun termo grego que significaría navegar en alta mar, desbordarse un río. Aquí daríamoslle a significación de pozo fondo nun río onde se  poñían pesqueiras para pescar os sábalos e as troitas, tamén sería o lugar onde irían parar os afogados ao arremolinarse alí as augas, sendo lugares perfectamente identificables no río. Esta condición faría que servira de límite entre parroquias. Sería o caso das parroquias de Bolmente e Barantes, Vilachá de Salvadur na Pobra e Augasmestas do Concello de Quiroga. Aquí, O Piago Negro sería a divisoria entre a parroquia de Frontón (Pantón) e Anllo (Sober). Nel, a crenza popular é que andan os mouros, polo que deberás manterte alonxado do pozo.

SAM_6341.JPG

Imaxe da pasarela sobre o río Cabe entre Pantón e Sober.

Castelos e raíñas.

Castelo de Maside (A Torre, San Vicente de Deade)

Os musulmáns, nunha das incursións en Galicia, apoderáronse dos castelos de Ferreira, Monforte e outros de toda aquela comarca, que non puideron resistir o empuxe das tropas mahometanas. No de Ferreira instalouse un dos grandes xefes do exército invasor e con el unha fermosa muller, escrava de guerra e amada polo xeneral.

Nas obrigadas ausencias do xefe mouro, a moza cristiá quedaba no castelo gardada por un pequeno destacamento de feros guerreiros, servida por varias mulleres e vixiada por un escravo etíope, chamado Muni, e un pavoroso grifón, besta feroz que tiña corpo de león, con ás, e cabeza, de aguia xigante cun grande e recio pico, capaz de arrincar o corazón a calquera dun só picotazo.

Algúns guerreiros cristiáns que puideron fuxir da morte pola man dos invasores, andaban escondidos polos montes, esperando reunirse cos galegos combatentes, por se estes conseguisen algunha vitoria que lles permitise rexeitar aos atacantes e reconquistar as terras perdidas. Tamén esperaban poder agruparse eles mesmos, constituíndo un corpo con forza bastante para ir recuperando os castelos dos que se lles desposuíra.

 

Nunha das ausencias do Malik, o señor da nova condesa dona Sancha, xulgando esta que non había perigo algún que lle impedise realizar un pequeno paseo polos arredores do castelo, pediu a venia ao alcaide para realizalo; e o mouro, que tampouco recelaba nada malo, accedeu, aínda cando recomendou á señora que fose acompañada do etíope e catro mouros de escolta.

Pero sucedeu que ao chegar a unha encrucillada do camiño preto de Acedre, o cabalo que montaba dona Sancha colleu medo ao ser atacado por uns cans e fuxiu nun galopar desesperado, que nin Muni, o etíope, nin os soldados de escolta puideron conter, nin sequera seguir, senón a moita distancia. Dona Sancha víase perdida: branca como a neve, facía esforzos inútiles para conter aquel tolo galopar do animal. Arfaba suorenta e agarrábase desesperadamente á sela para non caer. Ata que na beira do camiño apareceu, xurdindo dunha mata de cítisos, a figura dun home, que, visto e non visto, dun certeiro tiro de bésta feriu unha coxa do cabalo. A frecha, ao cravarse na perna do corcel, fíxolle relinchar de dor e tentar encabritarse, sen conseguir outra cousa que caer de lado no chan. Pero o home que lanzou a frecha estaba xa xunto ao cabalo no momento de caer e recibiu nos seus fortes e áxiles brazos a dona Sancha. Pousouna delicadamente no chan e ofreceulle un sorbo de augardente para que se repuxese do susto que pasara e recobrase forzas. Agradeceu ela cun ademán e unha doce mirada a xentileza do descoñecido.

SAM_6960.JPG

Imaxe do castelo de Maside.

—Quen sodes, señora? —preguntou o home con interese.

—Son Sancha de Dóevos, prisioneira no castelo de Maside. E vos?

—Gonzalo de Castriz; e se mo permitides, tentarei libertaros algún día da aldraxante escravitude.

—Arriscaredes a vosa vida.

—Nós arriscámola sempre nas nosas loitas contra os invasores da nosa terra.

—Gracias, Gonzalo; pero agora fuxide; oio xa o galopar dos cabalos que me seguen e non tardarán en chegar.

—Ben. Adeus, dona Sancha.

—Adeus e boa sorte, Gonzalo.

 

Así despedíronse os dous mozos; e, tal como dixera dona Sancha, os mouros do seu escolta apareceron á volta do camiño. Tardaron en verse os dous amigos. Con todo, dona Sancha, nas noites de lúa que bañaba cos seus reflexos prateados a campiña circundante, sentaba na terraza da torre e, pensando no xentil Gonzalo, deixaba que o etíope lle peitease os dourados cabelos que caian sobre os seus ombreiros, soñando unha ventura que desexaba ardentemente que chegase moi pronto. Ao fin sóubose que, fracasada a incursión morisca, as tropas mahometanas retrocedían e chegaran a Monforte, onde se resistían contra os ataques dos cristiáns.

 

Foi entón cando Gonzalo de Castriz, reunindo aos seus compañeiros que andaban disgregados polos montes, resolveron atacar por sorpresa o castelo de Ferreira, que non tiña posibilidade de recibir reforzos. E unha noite rodearon a fortaleza e valéndose de cordas e escadas asaltaron os muros, de xeito que cando os mouros se deron conta, xa os galegos facían neles gran mortandade.

Gonzalo logrou entrar na torre onde moraba dona Sancha; pero non deu con ela. Muni, o servo etíope, para mellor gardar á súa ama, obrigouna a subir á terraza da torre, onde o terrible grifón impediría que ninguén puidese achegarse a ela. Pero Muni non contaba cunha cousa: co amor e a ousadía de Gonzalo, que subiu á terraza da torre e, enfrontándose ao animal monstruoso, estableceu singular combate. Gonzalo levaba posta a armadura completa, con casco e viseira que lle protexían o rostro, de forma que o pico do aguia non podía facerlle gran dano nin as gadoupas podían tampouco perforar a coiraza, porque, ao bater contra o puído ferro, as poutadas causábanlle gran dor ao propio león.

E así, cun pouco de paciencia e habilidade, o mozo guerreiro conseguiu primeiro romperlle as ás, logo a súa cabeza de aguia, para, por fin, atravesarlle o corazón. Muni, cando tal viu, despavorido, tirouse da torre, quedando o seu cadáver sobre as laxas do patio.

Así foi reconquistado o castelo de Ferreira e recobrou a súa liberdade dona Sancha de Dóevos, que, despois de expulsar de Galicia os mahometanos, casou con don Gonzalo de Castriz.
 

Castelo_de_Maside_Antigo_2.JPG

Antiga instantánea da fortificación onde aconteceu tal lenda.

Torre de Quitapesares (A Torre de Vilamirón, San Vicenzo de Pombeiro)
Na aldea da Torre de Vilamirón conta un señor, Raúl, a lenda sobre a Torre de Quitapesares. Onde unha raíña de España que perdera o seu fillo, buscándoo e buscándoo atopouno aquí e mandou construír unha torre chamándoa Torre de Quitapesares, ao quitarlle os seus males ao atopalo.

Penaveada (San Vicenzo de Pombeiro)

Por debaixo do lugar de Penaveada, existe a lenda de que vive unha raíña sepultada cunha gran cantidade de enfeites de ouro.

 

torre.jpg

Imaxe da reconstrución de como foi a Torre de Quitapesares na aldea da Torre de Vilamirón.

Xacias.

A rapaza, a xacia e o gando (Marce, Santiago de Vilar de Ortelle)

 

Unha  rapaza  de  Marce  estaba  de  criada  na  Míllara.  E  resulta  que  a mandaban moitas veces ir coas ovellas cara Castelo e, non sei se o sabedes, pero había alí unha figueira, a que lle chamaban a Figueira do Castelo, que daba unhas brevas negras, moi negras, que ningún paxaro nin bicho as comía, e ao pé da figueira no río Miño, había un pozo fondísimo. Agora que fixeron o encoro dos Peares, a figueira quedou debaixo, que de seu morrer, non morreu. Era moi rara, follas como nada e ramas delgadiñas, e mala cara, todo brevas negras. E ao pozo non se lle vía o fondo nin de día. Estaba alí a rapaciña coas ovellas e viu saír do río unha cousa rara, metade peixe e metade persoa, que se sacudía e se poñía a subir polo souto arriba. Colleu tal medo a rapaza que nunca máis quixo volver ao sitio, e non volveu.

A xacia e o home (Marce, Santiago de Vilar de Ortelle)

Un día andaba un señor da Míllara pescando no río e aparecéuselle unha rapaza fermosa e nova, como nunca vira ningunha. Saíu do río, sen máis. O home asustouse, mais ela díxolle que non collera medo, que era unha xacia encantada e que se a bautizaba, desencantábaa e casaba con el.

Así se fixo e o matrimonio foi moi feliz. Tiveron sete fillos, que andaban seguido metidos nos regatos e pozos do río, no verán e no inverno. En canto tiñan tempo, á auga! O pai reprendíaos moitas veces por este motivo. Tanto se fartou de que andasen lacazaneando na auga en vez de axudarlle cos traballos, que un día díxolles:

-Marchade daquí, fillos dunha xacia!

A partir dese día as cousas non foron ben na casa. Non só se levaba mal o pescador cos fillos, senón tamén coa muller e finalmente ela un día abandonounos e volveu ao río. Pero as xacias non a admitiron porque era cristiá e esnaquizárona coas súas propias mans. O pobre do home, que a andaba buscando, chegou a tempo de ver o seu corpo en anacos flotando nas augas do pozo.

 

Sabeliña, Sabeliña. (Marce, Santiago de Vilar de Ortelle)

Pasou un tempo e unha nena pequena de Marce, da casa  da  Cantesa, que nada sabía diso, adoitaba ir co gando, dúas vacas e  catro ovellas, ao monte Castelo e baixaba polo souto. Todos os días ía visitala una xacia e acabaron por facerse amigas, pois a muller acuática agasallábaa cun pano cheo de carbóns que se lle volvían onzas de ouro ao chegar á casa. Ora, iso si, advertíalle que non llo dixese a ninguén, e menos que a ninguén aos seus país, porque se non habíao pagar caro.

A nena aguantou uns días pero á fin, ante as preguntas dos seus parentes, non lle quedou outra que contar o segredo. Ao día seguinte volveu coma sempre ao Castelo. Xa non regresou. O pai, desesperado, botouse ao monte a ver se a atopaba viva ou morta. O gando estaba alí, pero a Sabeliña non aparecía, por máis que berraba por ela.

-Sabeliña, Sabeliña!

Xa volvía o home resignado para a casa, pensando en xuntar os veciños e dar una batida, cando pasou xunto ao curuto do monte, sempre berrando:

-Sabeliña, Sabeliña!

Daquela oíuse una voz que lle dicía:

-Sabeliña, Sabelón, fritida está en aceitón!

 

SAM_4321.JPG

Imaxe da formación xeolóxica onde atópase o castro de Marce a aos pés tiveron lugar gran parte das historias de xacias da zona.

Petróglifos.

Pedra da Escrita (San Xoán de Toldaos)

Neste penedo, tamén chamado Pedra da Virxe, conta a lenda que o cabalo da virxe posou as pezuñas deixando a marca dos seus cascos na pena e dende alí baixou a Augas Santas onde os seus habitantes lle construiron a ermida pra descansar. Con esta lenda tamén están relacionados os petróglifos do cruceiro de diante da igrexa.

Peneda Grande (Santiago de Vilar de Ortelle)
No lugar da Serra, estremando case con Ribeiras de Miño, están uns penedos cuns petróglifos que contan que fora a Virxe co seu cabalo e dende aló saltou, e ao facelo quedaron as súas gadoupas marcadas na rocha.

Fonte da Ferreiría (Santalla de Tuiriz)

Na devandita fonte, hai unhas pegadas, posiblemente un petróglifo, que contan os veciños que aló pousaría o camelo que levaba a María cara Belén.

 

SAM_7346.JPG

Fotografía da Peneda Grande en Vilar de Ortelle.

bottom of page