top of page

Pesca en Pantón

A pesca nesta zona do interior sempre supuxo unha actividade moi importante ao estar rodeada dos dous ríos máis grandes de Galicia. Alén das parroquias ao pé do Cabe, Miño ou Sil, moitas outras freguesías interiores tiñan moita e moi boa pesca; coma Deade, Següín, Toldaos ou Eiré.

Pesqueiras

A historia da pesca no noso concello caracterízase pola presenza de pesqueiras nos numerosos cursos de auga que discorren por el. Así estas construcións tiña diversos nomes, como pesqueiras, canal ou canar.

 

Pesqueiras do Sil:

Pegouzos (esta pertenceu ao mosteiro de San Vicenzo de Pombeiro), Valvís, Pena Veada, das Múas, Valente, Amoro, Calvelle, Cantariñas e Pólito.

 

Pesqueiras do Miño:

O Pozo dos Fades, Mariño, Conde e Comerciante.

 

Pesqueiras do Cabe:

No século XV, o mosteiro de Santa María de Meira tiña numerosas pesqueiras no río Cabe, destacando a pesqueira do Cachón.

Pesqueiras noutros ríos:

No regato que hai entre as aldeas de Freán e Pesqueiras, existiu unha pesqueira. Este elemento foi o que deu nome á aldea de nome homónimo.

Viveiros ou "fresqueiras"

Estas construcións eran estanques artificiais, para preservalos peixes vivos despois de pescalos. Así podíanse atopar de diferentes tipoloxías:

- En construcións. No Priorato de Pombeiro o seu soto era unha enorme fresqueira, onde gardaban tódolos peixes. En San Cosmede podémolas atopar mesmo en adegas, ao ser un lugar tranquilo e fresco.

 

- No exterior. Tanto na aldea de Cibrisqueiros coma en San Cosmede, podemos atopar estanques excavados na rocha onde puñan a pesca.

Arredor destes viveiros existen moitas historias de nenos que tiñan medo deses estanques, xa que normalmente estaban cheos de lampreas e para eles eran coma serpes. Mesmo na aldea de San Cosmede unha señora cóntanos que un día de verán á noitiña, ao ser ela pequena, saira da casa dar un paseo. De súpeto viu na rúa unha serpe arratrándose polo chan, chamou ao seu pai e cando veu, viu que non era unha serpe, senón unha lamprea. Logo o seu pai colleuna e meteuna de novo na fresqueira.

94304640_3694656390605388_76209103456236

O río Miño pasando polos Peares.

94231157_3694656343938726_28756184602372

O río Sil, pasando ao carón de Ribas de Sil.

Peixes

Antes os ríos estaban cheos de vida e podíanse pescar múltiples especies acuáticas, entre elas: bogas, barbos, machados, lambelaxes, forriquentos, anguías, reos, troitas, sábalos, lampreas e zamborcas.

En Pombeiro contan que collían as lampreas por sacos e vendíanas a un señor de Monforte de Lemos. Este peixe acostumaban consumilo cociñado no seu sangue e con cachelos.

94231154_3694656563938704_22767311840104

Unha imaxe do Miño pola parroquia de Vilar de Ortelle.

Artes de pesca

Para conseguir peixes había moitas e moi diversas formas de pescar, aquí contamos a maioría delas:

-Tiro.

Unha técnica bastante agresiva, canto menos. Que consistía en ir ao río pegar uns tiros á auga e logo os peixes saín á superfice.

-Corda con barcas.

Na aldea de Pesqueira, en Atán, aínda acordan ir en barcas polo río Miño pescar as anguías con cordas que tiñan anzós.

-Con trobisco.

Esta é unha pranta velenosa, sempre verde. Esmagábase ata que botaba leite e púñase en remansos. Os peixes de seguida aparecían boca pra arriba. O trobisco tamén se empregaba pra que os ratos non foran ás ratas.

-Facer secas.

Nunha beira do río acoutábase un pequeño sitio con terróns, despois baleirábase a auga e alí quedaba a pesca illada e sen defensa. En Marce, facíanse secas na Ínsua.

-Cana de pesca.

Era empregada en todo o concello e en tódolos cursos de auga.

-Outras artes de pesca: nasa, chumbeira ou os cordeles.

SAM_7186.JPG
SAM_7181.JPG

Imaxes das pozas do río Carabelos onde os veciños de San Romao de Moreda ían pescar troitas ou anguías.

Bibliografía

- "Os ríos de Galiza" de Manuel Núñez, Adela Leiro e Mon Daporta. A nosa Terra. 2007.

- “San Vicente de Pombeiro” de Nicanor Rielo Carballo. Pantón 1976.

- “Pantón, historia e fidalguía” de Isaac Rielo Carballo. Pantón. 2000.

- “Lendas e Tradicións da Ribeira Sacra, Vilar de Ortelle Pantón” de Asociación Xuvenil Estraloxos. Pantón.

 

 

 

 

bottom of page